Os 11 de Marín (1936)

Publicado polo xornal “A Nova Peneira” o 16 de setembro do 2022.

Durante o goberno bipartito da Xunta, e sobre todo grazas ao esforzo do BNG, púxose a andar o proxecto “Nomes e Voces” co obxectivo de estudar a represión durante a guerra civil e a ditadura. Unha fonte que nos facilitou a moitos investigadores información dabondo desta temática, e por outro lado daba unha estimación aproximada do que aconteceu durante ese período da nosa historia.

Pese a isto, a relación de nomes das vítimas non está completa, lóxico dentro dun traballo de tal envergadura. A día de hoxe temos recollido en Marín os nomes de 11 persoas paseadas ou desaparecidas entre os meses de xullo a setembro de 1936: José Gómez Martí “Lamparilla” (camareiro, militante da XSU, desaparecido o 20 de xullo, fontes sinalan que foi detido en setembro de 1939), Daniel Gómez Martí “Pastaseca” (panadeiro, militante da XSU, algunha fonte afirmou que o seu corpo apareceu nalgunha praia de Bueu), José García Bustos “Santacomba” (militante da XSU, paseado a noite do 4 de agosto en Mollavao), José Conde Vilas (Albanel, asasinado en Tenorio o 13 de agosto, é posíbel que se trate do seu irmán Antonio, a súa morte non foi rexistrada), Carmen Pesqueira Domínguez “Capirota” (lavandeira, paseada a noite do 17 de agosto, foi rexistrada en Bueu), Ignacio Domínguez Abal “Capirote” (mariñeiro, falecido tras unha malleira dada por falanxistas, o seu corpo nunca apareceu), Manuel García González “Apache” (mariñeiro, detido o 16 de setembro, desaparecido, parece ser que o seu corpo foi botado á ría de Vigo), José Pazos Acuña “O Ancho” (mariñeiro, desaparecido o 18 de setembro), Santiago González Gómez (foi detido e morto na taberna dun falanxista da Laxe, o seu corpo non apareceu), Modesto Pazos Figueroa “O Fidel” (mariñeiro, foi detido e fusilado con outros na canteira da Laxe, non foi rexistrado) e Daniel Pereira Figueroa (mariñeiro, veciño da Laxe, falecido o 10 de novembro, non rexistrado). En relación a algunhas das mortes, os seus asasinatos deberon acontecer o mesmo día, presumibelmente na canteira da Laxe, lugar onde os veciños máis maiores lembraban un fusilamento de varias persoas.

Antes da guerra houbo un incidente na taberna do Pilán (Cantodarea) cando un “militar” sacou unha pistola ao enfadarse polos cantos que uns mariñeiros realizaban cando comían unha caldeirada. Estes quitáronlle axiña a pistola e levárona ao Concello. Tras o golpe de estado o “militar” quixo desquitarse buscando a todos os mariñeiros implicados, entre eles tamén: Amable Soto González “Virulo” (fusilado en 1938), Laureano González Moreira “O Reino” e Laureano Santiago de los Santos “Caghulo”, que salvaron a vida ao fuxir cando foron a súa captura. Menos sorte tivo “O Apache” que estivo presente e probabelmente algúns dos mariñeiros desaparecidos mencionados. Se cadra este “militar” foi o músico e empregado da conservas Herrero e durante eses meses Sarxento de Milicias Alfonso Temes, colaborando con el o patrón da canteira Jesús Novás. Os dous foron importantes militantes da CEDA de Marín durante a República e despois afiliados á Falanxe.

De todos estes desaparecidos citados só constan como paseados para “Nome e Voces” Carmen Pesqueira e Daniel Pereira, outros son citados pero sen mencionar o seu tráxico final. Non descartaría que no futuro saíse algún nome máis, aínda non identificado.

Non creo que Marín fora unha anécdota na Galiza, senón que puidera ser un exemplo que confirmase que o número de mortes extraxudiciais durante a guerra civil sexa maior das 3161 recollidos polo magnífico proxecto interuniversitario.

About the Author

One thought on “Os 11 de Marín (1936)

  1. Necesitaba hablar contigo sobre esta publicación tengo un interés por saber referente que me contaron años atrás en el restaurante la vizcaína hoy Centoleira playa de Beluso. Vivo en Vigo pero estoy jubilado y me puedo desplazar a cualquier sitio para tomar un café .

Deixa una resposta a Alberto Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these