Cividáns

© Familia Castell Cividanes

Publicado polo xornal Diario de Pontevedra e Pontevedraviva.com o 30 de outubro do 2021.

Cividanes

Existe en Marín o topónimo “Camiño de Cividanes”, antiga corredoira que partindo da Costa desemboca na estrada que pasa por riba de Portocelo. Xusto no chalé construído en 1914 polo avogado do estado en Pontevedra, nado en Vigo, José Cividanes Álvarez. Velaí o nome.

Area de Portocelo (Mogor). Ao fondo o Chalé de Cividanes.

Cividanes é un apelido galego de natureza toponímica. Como outros apelidos da nosa terra, atópase deturpado da súa forma correcta, como acontece con Barraganes, Triñanes ou Sabajanes que deberían ser Barragáns, Triñáns ou Sabaxáns. Estes apelidos galegos foron desnaturalizados como outros moitos: Otero por Outeiro, Montero por Monteiro, Villar por Vilar, etc por unha imposición de españolización e desgaleguizadora exercidas polas elites políticas dominantes: notarios, clérigos, funcionarios, etc e non polas propias familias.

Cividanes ten dúas orixes ben distintas, unha procede do lugar de Cividáns, en Salcidos (A Guarda) e outra, máis minoritaria, que toma o nome do lugar de Cividás, en Serantes (Oleiros).

O camiño non está dedicado José Cividanes, senón que se popularizou co seu apelido. Tendo en conta que a Lei de Normalización Lingüística afirma que os topónimos teñen como única forma oficial a galega, o lóxico sería corrixir o nomenclátor e pasar a denominarse “Camiño de Cividáns”, pois as orixes do avogado procedían da Guarda.

JOSÉ CIVIDANES ÁLVAREZ (Pequena biografía)

Nado en Vigo en 1865. Estudante de Dereito en 1895.  En febreiro de 1898 recibe o seu título en Dereito Civil e Canónico e no mes de decembro foi nomeado Avogado do Estado en Ourense. En marzo de 1901 foi trasladado a Pontevedra cando exercía como Avogado do Estado na Delegación de Facenda en Ourense. En febreiro de 1903 foi ascendido a Oficial 1º do Corpo de Avogados do Estado. En 1912 veraneaba en Bueu. C.c. Rosa Patiño Lima. Fillo: Rodolfo (c.c. Carmen Rodríguez Losada en Poio en maio de 1935, Profesor da Escola de Traballo e Técnico da Sociedade Xeral Galega de Electricidade), Carlos (Oficial Tenente de Enxeñeiros, falecido en Oviedo o 12 de decembro de 1926), Teresa, Carmen e Olga Cividanes Patiño. Construíu un chalé en Portocelo en 1914, denominada “Villa Portocelo”. En 1917 entraron a roubar na súa casa de Portocelo. Nomeado Presidente da Xunta Directiva da URD de Pontevedra en decembro de 1931. Faleceu no seu chalé de Portocelo o 11 de xullo de 1937 aos 62 anos, soterrado en Pontevedra.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these