Breve Historia da Sociedade de Albaneis de Marín (1897-1936)

Publicado no xornal “A Nova Peneira” o 17 de xaneiro de 2022.

A finais de 1897 constituíase a terceira sociedade obreira da localidade. Os albaneis formaban outro piar fundamental da Federación Obreira, sendo a meirande parte dos seus afiliados veciños da freguesía de San Xián de Marín.

Os primeiros anos pasan practicamente desapercibidos, até que o 1º de maio de 1908 convocan unha folga de importancia no sector que duraría varios meses. O motivo tivo a ver coa petición realizada seis meses antes para subir o soldo un real, mais contou coa intransixencia patronal.

Nesta folga entrou en xogo o Alcalde Juan Iglesias Puga “Juanás” que dun xeito totalmente caciquil ameazou e premeu ao Presidente da Sociedade para que asinase un papel en branco, cuestión que non logrou, polo que o mandou detido ao cárcere sendo “amoestado” polo Cabo da Garda Civil.

As continuas presións da patronal, como a contratación de crebafolgas de Portugal, non foron quen de conseguir rachar os obxectivos que se marcou a Sociedade, que contaba co apoio da Federación Obreira Local, ao aceptar ás poucas semanas tres Mestres a proposta dos obreiros. No mes de xuño aínda ficaban tres Mestres de Obras intolerantes coa reclamación dos albaneis, levando á detención de catro afiliados que foron conducidos ao cárcere de Pontevedra.

Os patróns Sobral e Vicente Iglesias Solla non só aceptaron a suba de salario, senón que satisfixeron economicamente os gastos da folga. Xa no mes de outubro só o patrón Erasmo resistíase a rematar coa folga, mais claudicou en xaneiro de 1909 accedendo á suba do salario e co gasto ocasionado aos obreiros polo paro.

O éxito acadado animou á Sociedade para ingresar na UGT a comezos dese ano. Nese intre o ente tiña 45 afiliados e destacaban os nomes de Serafín Arosa Iglesias e Antonio Santiago Santiago.

En 1918 as sociedades relacionadas no ramo da construción, carpinteiros, canteiros e albaneis, declaráronse en folga, co obxectivo de medrar o salario 50 céntimos. A presión obreira logrou que os patróns aceptasen a solicitude. Daquela a sociedade estaba presidida por Secundino Vidal, mais na dirección aparecían outros nomes vinculados durante anos á sociedade: Julián Allariz Santomé, Manuel Couso Tourón “Revite” ou Eduardo Acuña Allariz “O Luxo”.

O compromiso coa ideoloxía de clase e xustiza social veuse reflexado cando en 1920 a Sociedade apoiou a candidatura socialista nas eleccións xerais e realizou un aporte económico para sustentala.

Algunha crise debeu acontecer, da que non posúo constancia, porque en setembro de 1922 reingresou de novo na UGT e na Federación Nacional do Ramo da Edificación. En 1924 representaba a organización obreira máis importante en terra, por diante incluso dos canteiros, chegando a ter perto dun centenar de afiliados. Son anos escuros para a sociedade que xa en 1925 descenderon os seus afiliados case un terzo e reformulábase de novo ingresar na FNRE. A causa debeu estar na falla de cumprimento coas cotas que tiñan que pagar á propia Federación, mais que se solucionou en 1927 e na que volveu a ter un crecemento de afiliación e o dereito a poder escoller concelleiros na corporación municipal. Neses anos sobresae a figura de Manuel Couso como líder carismático da sociedade, mais que non logra parar os continuos altibaixos da entidade obreira en materia filial. Había algún tempo en que o ente obreiro abranguía tamén ao sector dos Pintores.

Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 a sociedade participa de xeito entusiasta a favor da candidatura republicana-socialista-agraria que obtén a vitoria en Marín, logrando ademais meter a Manuel Couso como concelleiro e ser nomeado Tenente-Alcalde da Corporación.

Co golpe de estado de 1936 a sociedade sería ilegalizada, estando presidida naquel intre por Couso, que tivo que agocharse, máis tarde detido e finalmente realizóuselle un expediente de responsabilidades políticas. A súa filla Enedina foi rapada.

Outro afiliado, Bernardino da Torre Fernández, foi fusilado o 31 de decembro de 1936.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these