Turismo (I)
Publicado no xornal dixital Pontevedraviva.com e no Diario de Pontevedra o 9 de outubro do 2021.
Hai unhas semanas o Goberno Municipal de Marín anunciaba un investimento de 2 millóns de euros para unha estratexia turística de xeito sustentábel e de calidade. Quere mesturar a ecoloxía, a eficiencia enerxética, transición dixital co patrimonio, cultura, lecer, espazos naturais e gastronomía.
Teño a impresión que o actual goberno municipal de Marín vive nunha realidade virtual, allea ao problema de fondo. A vila de Marín fica lonxe deste proxecto, nin unha soa mención á potenciación urbanística do Casco Vello ou dunha zona degradada e cada vez máis deshabitada como é de facto Cantodarea.
O PXOM, fundamental para a optimización dos recursos turísticos, non consegue ser un elemento de desenvolvemento por incapacidade política dun goberno máis preocupado en lavados de imaxe nas rúas e nos camiños rurais que en vertebralo social e culturalmente. Inmóbeis emblemáticos da nosa arquitectura patrimonial como o Pazo de Cadro, as casas de Pais e das Fontenla ou a Reitoral do Campo proseguen co seu deterioro continuo.
Mentres propostas do BNG aprobadas polo Pleno Consistorial como o Plan de Protección Arqueolóxico de Marín, ou dun Parque de Auto-Caravanas no termo municipal fican no baúl das lembranzas. A última das mocións afirmando que non atoparon lugar dispoñíbel.
Turismo (e II)
Publicado no xornal dixital Pontevedraviva.com e Diario de Pontevedra o 16 de outubro do 2021.
O Museo, ao igual que a Biblioteca Municipal, fica pequeno para as necesidades que precisa Marín. Non teño a impresión que a curto e longo prazo as actuais autoridades municipais estean pola labor de modificar esta conxuntura.
Se falamos dun turismo de calidade, deberíamos posuír un lugar axeitado de exposición do noso rico patrimonio histórico como cultural. Non será por edificacións emblemáticas, moitas delas encamiñadas por un guieiro ruinoso, que doten a Marín dun uso amplo con toda diversidade etnográfica, arqueolóxica e cultural que temos. Exposicións permanentes das obras de Manuel Torres, Martínez Villafíns, Antón Sobral, José Solla, entre outros, así como cunha recolleita con material que teña a ver cos maios, a música, o entroido, a danza de espadas, pasando pola cultura popular relacionadas co mar e o agro, sen esquecer o noso patrimonio arqueolóxico e histórico ou o material doado pola familia de Raimundo Vidal Pazos. Marín non é rico e merecente polo tanto dun Museo máis grandioso?.
Para rematar, construír ao final do paseo Blanco Solla unha edificación de lecer que compita cos negocios locais e que cega a saída ao mar da vila non me parece o mellor camiño para o turismo de calidade que precisa o concello.